
Vindeiro sábado 29 de agosto, a localidade de
Santalla, no concello llugués d’A Pontenova, convertirase -por terceiro ano consecutivo- nun punto de atención importante no eido dos xogos tradicionais.
Máis de 20 entidades teñen prevista a súa participación nesta xornada que reunirá a máis de 150 xogadores de Galiza, Portugal, Asturias e Castela-León.
Serán perto de 70 xogos e deportes tradicionais os que se poderán ver e practicar nesta pequena vila desde as
11:00 horas.
O apartado musical contará coa presenza dos grupos
Darbukka,
Folkgazais e o Grupo de Música tradicional da
Escola de música tradicional da Pontenova, que actuarán apartir das 16:00 horas.
O evento desenvólvese en varias parcelas duns 10.000 metros cadrados, rodeadas de alpendres, cabozos, hórreos e monte, sen dúbida nun marco incomparable semellante aos espazos utilizados antigamente para a realización destes xogos e deportes.

O obxectivo desta III edición da
Mostra de xogos e deportes tradicionais é consolidar as actividades dos dous anos anteriores. Preténdese tamén con este evento concienciar á cidadanía para que non esqueza os xogos e deportes que se practicaban antigamente, e non só iso, senón que os adultos e maiores ensinen aos nenos e ás nenas como se desenvolven estes xogos e deportes, que conforman o patrimonio lúdico, para que volvan a formar parte do seu tempo de lecer.
O programa contén as seguintes actividades:
Desde as 11:00 h. até as 13:30 h. e desde as 15:00 h. até as 19:00 h. todo o mundo que se achegue á Mostra poderá ir participando en todos os xogos e deportes.
- Torneo Galego Individual de Bolo Celta. (III torneo de Bolo Celta).
- Torneo de Chave.
- Torneo de Billarda.
- Obradoiro de fiado.
- Monta e cabalo e Demostración de Ferrado.
- Exhibicións deportes tradicionais Asturias, Galiza, Castela-León e Portugal.
- Demostración de corte e talla en madeira con brosa e motoserra (pola Asociación 6 conceyos de Asturias).
- A partir das 16:00 horas, concertos de música tradicional galega
- Ás 19:00 horas entrega de trofeos e agasallos.
- etc.
En cada un dos xogos e deportes haberá monitoras/es especializadas/os para explicar o desenvolvemento dos mesmos.
Así mesmo, e ao longo de todo o día, os
Cabaleiros dos Gabeás ensinarán a montar dacabalo a toda aquela persoa que así o desexe.