CONCLUSIÓNS DO CURSO DE XOGOS TRADICIONAIS
31.05.04 - 20:46
Rematou o I Curso de Xogos e Deportes Populares e Tradicionais; e depois de tres días de debate, adoitaron-se –entre outras- as seguintes conclusións:
Á vista está que existen vários frentes na Galiza traballando no eido isoladamente. Entre elas, atopan-se iniciativas que levan realizando-se muitos anos e outras que ven de nacer recentemente. Entre outras muitas iniciativas, pensou-se na Liga de Birlos do Val Miñor, na Liga da Chave de Ourense, na Regata das Dornas de Arousa, na Liga de Birlos ao Canteiro de Riotorto, en distintos museos escolares (Esteiro, A Capela...), várias publicacións ao respeito, a existencia do Palao e numerosas asociacións e centros de ensino que traballan habitualmente arredor dos xogos tradicionais. Porén, tambén se observaron casos tan curiosos como que a Asociación da Chave (xogo galego de fonda raigame), para poder desenvolver a súa Liga, teña que pertencer á Federación de Petanca (xogo importado da Franza há apenas un século).
Do mesmo xeito, constatou-se que ao longo das 3 últimas décadas o xogo tradicional (agás algunhas excepcións) perdeu presenza nomeadamente entre a mocidade, centrando-se a súa prática entre os “vellos”, ou ben en programas culturais que os protexen.
Por isto considerou-se necesário a creación dunha entidade (Coordenadora, Foro...) que agrupe a todas estas manifestacións que, arredor dos xogos tradicionais, existen na Galiza e deseñe un proxecto común que defenda e promocione os xogos tradicionais.
Tambén se considerou preciso que os meios de comunicación adiquen un espazo periódico e continuado aos xogos tradicionais, tanto meios escritos como rádios e televisións, das que entendemos necesário retransmitan competicións ou encontros nas xornadas matinais da fin de semana.
Para isto, acordou-se fazer unha nova convocatória: unha reunión á que se agarda asistan representantes dos distintos colectivos galegos que traballan neste eido. A xuntanza está prevista para o vindeiro 26 de xuño ás 10 da mañá e o lugar elexido nesta ocasión será Melide.