Brinquedia

Este apartado está adicado a "Brinquedia - Rede Galega do Xogo Tradicional", asociación nascida para dar cabida a todas as entidades que traballan arredor do património lúdico galego.
Inclue-se un apartado de novas xeneradas por Brinquedia, un directorio de membros (tanto persoas físicas como xurídicas), os estatutos da asociación e un modelo de adesión.

IV edición do Día do Peón 19.10.08 - 02:25
Vindeiro 11 de novembro Brinquedia convoca a 4ª edición do Día do Peón. Despois da grande repercusión que tivo nos 3 anos anteriores (acadando arredor de 12.000 participantes na edición do ano pasado), e mantendo entre os seus obxectivos o de divulgar iniciativas encamiñadas á recuperación e conservación das actividades lúdicas tradicionais, diríxese esta convocatoria non só aos centros de ensino (nomeadamente os maiores organizadores desta campaña), senón a concellos, asociacións, institucións e mesmo a colectivos de galegas/os no exterior. A estacionalidade deste xogo ven marcada na fraseoloxía galega por dous refráns tais como Polo San Martiño, peóns ao camiño (11 de novembro) e Polo Santo Amaro, peóns ao faiado (15 de xaneiro), substituindo a palabra Peón nalgúns lugares por Pión ou Trompo e mesmo existindo algúns refráns máis como Pola Santa Olaia, peóns á borralla.
MANIFESTO DÍA DO PEÓN 2008

Para ese día (11 de novembro) ás 12 da mañá, proponse a leitura dun Manifesto (que será publicado nos próximos días) e a concentración de nenas, nenos e persoas maiores, coa finalidade de bailar milleiros de peóns en diferentes escolas, prazas públicas e/ou espazos cubertos do noso país. Na foto, pódese ver un momento do acto do ano pasado no CEIP Aquilino Iglesia Alvariño.

Abaixo pódese consultar o cartaz da convocatoria, no que aparece unha batería de actividades propostas para desenvolver antes, durante ou despois dese data.

Como ven sendo costume, Brinquedia agradece a participación desta convocatoria e solicita a confirmación de participación da vosa entidade enviando por correo-e (brinquedia@gmail.com) os seguintes dados:
- nome da entidade
- número previsto de participantes
- actividades a desenvolver

Seguiremos actualizando esta nova con novas informacións.

Día do peón 2008

Eis os dados de participación e as fotos do ano pasado

Aquí podemos ver o proceso dun artesán facendo un peón no seu torno:


E aquí unha demostración de habilidades co peón, desde Costa Rica



Participan no Día do Peón 2008

ASOCIACIÓN CULTURAL E PEDAGÓXICA PONTE... NAS ONDAS!. Organizan a II Xornada escolar de Xogos Tradicionais onde o peón vai ser parte fundamental. Partciparán 225 alumnas/os galegas/os e portuguesas/es.

CEIP AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO (Abadín). O día 11 bailarán os peóns no patio e lerán o Manifesto á hora marcada. Tamén promoverán a decoración personalizada de cada peón e a elaboración de debuxos e cartaces alusivos á xornada. Participarán 93 persoas (78 alumnas/os e 15 mestras/es).

CEIP AS FORCADAS (Ponteceso). O día 7 de novembro durante o magosto, dedicarán unha hora a realizar xogos con buxaina. Participarán en total 67 alumnas/os, que é o número total que teñen no colexio. Os xogos de buxaina a practicar son os seguintes.

CEIP BAAMONDE (Baamonde). Desde a ludoteca do centro van celebrar as actividades arredor do seu magosto o venres 14 de Novembro. Dentro das actividades propostas nesta celebración terán unha zona para xogar ao peón. Tamén lerán o manifesto por parte dun rapaz e contarán con persoas que ensinen a bailalo. Participarán 57 alumnas/os e 10 profes.

CEIP BALAÍDOS (Vigo). O día 4 de novembro todas/os as/os alumnas/os de Primaria bailarán o peón no patio dentro do programa da festa do Magosto. Participarán 230 nenas/os.

CEIP BARRIÉ DE LA MAZA (Santa Comba). Tamén ao igual ca nos anos anteriores, van participar nesta edición. De feito xa comezaron a pintar e bailar os peóns. Contan que este ano participen máis de cen nenos. Tamén teñen pensado reunilos pola tarde despois das clases na praza de Santa Comba ao longo desa semana e que participen tamén os maiores.

CEIP CABANAS-SALCEDO (Pontevedra). O día 11 participarán 75 alumnas/os de E.I.; 50 de 1º de E.P.; 35 de 2º de E.I. e 23 de 3º de E.I.

CEIP CAMPOMAIOR (Ordes). Participarán 288 alumnas/os + 29 profesoras/es. Lerán o manifesto á hora sinalada, para posteriormente xogar coa buxaina en diferentes xogos que os mestres de Educación Física estiveron a preparar. Están estudando a posibilidade de pintar no patio unha zona sinalada para xogar co peón durante todos os recreos.

CEIP CARBALLAL (Marín). Participará todo o alumnado do centro (arredor de 201 rapazas e rapaces. Realizarán un circuito de xogos tradicionais (aro, corda, goma, peóns, bolas, zancos, bolos, pelouros...)

CEIP COUCEIRO FREIJOMIL (Pontedeume). Participarán 350 persoas (mestres e alumnas/os). As actividades a desenvolver serán adquirir ou agasallar un peón a cada persoa e que esta o decore, axudar a que se aprenda a bailar o peón, ler o Manifesto o día da convocatoria á hora sinalada e realizar exhibicións de habilidades co peón.

CEIP de BRETOÑA (Bretoña). Un ano máis participan da campaña, sumandose todas/os as/os alumnas/os e profes do centro. En total participarán 35 nenas e nenos. As/Os alumna/os de Infantil levarán todas/os un colar co seu peón pintado e picado. As/Os de Primaria levarán o auto-colante commemorativo do día. Ás 12 da mañá lerán o manifesto no patio do colexio. No recreo poderán ir os nenos e as nenas que queiran bailar os peóns ao ximnasio. Na última clase da mañá demostrarán as súas habilidades.

CEIP de CARNOTA (Carnota). Aproveitarán o día do magosto para -ao igual ca en anos anteriores- iniciar a tempada do peón na escola. Uns 100 alumnos e alumnas de primaria serán partícipes das actividades sobre o peón que arrincarán nese día: concurso de baile por idades e noutra tentarase facer bailar todos os que nese momento teñan no centro (propios ou dos alumnos). Nesta semana darase conta da iniciativa convidando ao alumnado a rescatar o peón do faiado ou a mercar un e decoralo, así como a que pidan axuda a seus pais ou avós para aprender a bailalo. No centro adicaránse dúas sesións de EF para aprender.

CEIP de CERVO (Cervo). Desenvolverán as seguintes actividades: agasallarán cun peón a cada neno/a e que o decore (en Primaria); investigarán nas casas para coñecer que habilidades se facían cos peóns (3º, 4º, 5º e 6º primaria); deseñarán cartaces alusivos ao Día do peón (3º e 4º primaria); realizarán unha exposición de peóns; axudarán a que se aprenda a bailar o peón; lerán o manifesto o día da convocatoria á hora sinalada; convidarán ás persoas maiores para que participen nas actividades; realizarán exhibicións de habilidades co peón; marcarán un espazo adicado ao peón.

CEIP de HÍO (Cangas). Ao igual que nos últimos 3 cursos, aproveitan os recreos ao longo de 2 semanas o alumnado de Primaria e Infantil de 5 anos xogan ao trompo e ás bólas. Tamén fan unha exposición de trompos decorados.

CEIP ESTEIRO (Ferrol). Desenvolven as actividades nomeadamente nos recreos, facendo que a maior parte das nenas e dos nenos de Primaria bailen o peón (120 aproximadamente). As actividades previas ao día son as seguintes: decorar peóns en papel; colocalos como cenefa nas xanelas das aulas; decorar peóns para a exposición; busca e procura dalgún poema para introducir na páxina web-blog do centro; renovación do refraneiro “Polo San Martiño...”, “Polo San Amaro...”; demostración dunha forma de xogar
(só para “mestres do peón”); facer un mural fotográfico con peóns do Museo; escribir un conto no que o peón sexa o protagonista; traballo de investigación: como xogaban os maiores? No acto central da campaña, que fan coincidir co magosto o 21 de novembro, realizarán as seguintes actividades.

CEIP FOGAR (Carballo). o alumnado de Educación Infantil deste centro vai celebrar mañá o seu primeiro día do peón. Cada nena/o elaborará o seu trompo e recitarán todos xuntos "Polo San Martiño, peóns ó camiño". Serán case 200 nenas/os de 3, 4 e 5 anos.

CEIP FREI LUIS DE GRANADA (Sarria). Van elaborar peóns e bailaretes cos nenos e coas nenas de Primaria. Tamén farán un cartel anunciador do día e lanzarán o peón no recreo. Contarán coa participación de case todo o alumnado.

CEIP JOSÉ MARÍA LAGE (Ortigueira). Particirán 311 alumnas/os e 28 profesoras/es, levando a cabo as seguintes actividades: Tentar atopar nas súas casas o peón máis antigo; decorar libremente os seus peóns e practicar os días anteriores para bailar o máximo tempo o día 11.

CEIP LABARTA POSE (Baio). Participarán un total de 140 alumnas/os; a totalidade da matrícula, no día sinalado.

CEIP MANUEL FRAGA IRIBARNE (Cariño). Participarán 254 alumnas/os nos actos do Día do Peón e a festa de xogos tradicionais. Poderemos ver os resultados no seu web

CEIP MESTRE PASTOR BARRAL (Melide). Confirma a súa participación no Día do Peón.

CEIP MOSTEIRO DE CAAVEIRO (A Capela).Desde principios do mes de outubro, os peóns xa bailan nos espazos exteriores e no pavillón desta escola. Tamén os diferentes niveis realizan estas actividades: En Infantil: por unha banda, elaboran unhas cortinas con peóns recortados e decorados. Por outro lado, constrúen un peón xigante en relevo, recheo con motivos do outono (castañas, noces).
Primeiro nivel: decoración persoal dun peón novo e construción dun mural, cun peón dividido en partes, identificadas cos nomes correspondentes.
Segundo nivel: decoración persoal dun peón novo cada alumna ou alumno. Debuxo, recorte e pegado de peóns.
Terceiro nivel: decoración persoal de peóns novos. Elaboración dun mural con cartaces alusivos, nos que expresan a súa visión desta convocatoria.
Cuarto, Quinto e Sexto niveis: decoración persoal de peóns novos por parte de todas/os as/os nenas/os.
Os máis pequenos foron agasallados con bailaretes feitos por familiares das/os nosos alumnas/os. As/Os do Primeiro nivel recibiron cadanseu peón novo. O resto dos niveis adquiriron un peón cada persoa. Cada nivel viu os documentos audiviosuais aportados por Brinquedia e consultou a web catalana.
Tamén tén unha exposición de bailaretes e peóns do mundo e colocaron unha Mostra cos peóns decorados. Debido a unha viaxe a Cataluña de parte do alumnado, o Día do peón celebrarano o venres 7 de Novembro; lerase o Manifesto, acudirán familiares e antigas/os alumnas/os. As/Os máis pequeniñas/os mollarán en tinta cadanseu bailarete e farán que dea voltas enriba de grandes papeis. As/Os máis grandes farán un percorrido en circuito, pasando por seis habilidades distintas que se fan cos peóns.
O día 11 de Novembro, ás 12 da mañá, voltarase ler o Manifesto e bailaranse os peóns (esta vez no PN Aigües Tortes - Lleida, por parte do alumnado que irá de convivencia). O día 12 de Novembro, xunto cos colexios CEIP Frederic Godàs (Lleida) e CP Sant Ciriac (Eivissa), realizarán en Juneda - Lleida unha representación do feito na Capela o venres anterior. Participarán arredor de 222 persoas (90 alumnas/os, 13 profes, 40 veciñas/os, 47 do CEIP de Lleida e 32 do CP de Eivissa).

CEIP NICOLÁS DEL RÍO (Cedeira). Participará todo o centro (465 alumnas/os). En infantil traballarán con fichas de peóns e debuxos.
En Primaria; en EF aprenderán a bailalo e as habelencias cos trompos, para o día 11 bailar no patio todos xuntos os peóns. Ademáis van facer unha exposición de peóns decorados e peóns antigos, así como información relativa aos mesmos e debuxos. Isto traballaráse nas clases de plástica e galego.

CEIP O BOLO (O Bolo). 25 persoas entre alumnas/os e profes sumaranse á celebración, lendo o manifesto e bailando o peón na data do 11 de novembro.

CEIP O MOSTEIRÓN (Sada). Aproveitarán a festa do Magosto para facer un xogo de probas no que os nenos e as nenas demotrarán as súas habilidades cos peóns. Tamén fixeron carteis alusivos aos refráns que fan referencia aos peóns. Participarán arredor de 250 alumnos e alumnas, e profesores e profesoras.

CEIP PEPE DE XAN BAÑA (Santa Comba). Un ano máis adírense á iniciativa, lendo o manifesto e facendo bailar os trompos no patio.

CEIP RICARDO TOBÍO (Muros). Participará todo o seu alumnado (180 nenas e nenos de Infantil e Primaria) e todo o profesorado do Centro (23 profesoras e profesores). Levarán a cabo todas as actividades propostas por Brinquedia durante dúas semanas. Tamén terán como convidadas a varias persoas adultas, familiares das/os propias/os nenas/os, que traerán materiais e ferramentas para fabricar diversos trompos no colexio, en presenza do alumnado. Rematarán o día 14 de novembro, saíndo todos ao patio do colexio, alumnas/os, profesoras/es e familiares, para facer bailar a trompa e exibir cadaquén as súas habelenzas.

CEIP SAN RAMÓN (Moeche). Un ano máis participa este centro con moito entusiasmo por parte do alumnado.

CEIP SAN VICENZO (Vimianzo). Particparán uns 260 alumnas/os. As actividades a desenvolver serán as seguintes: Crear unha exposición de peóns de cada clase. Realizar traballos alusivos ao peón. Axudar a que se aprenda a bailar o peón. Realizar exhibicións de habilidades co peón.

CEIP SANJURJO DE CARRICARTE (A Coruña). Participarán 179 rapazas e rapaces de Educación Infantil e Primaria, ademáis de 17 profesoras/es. Levarán a cabo as seguintes actividades: adquirir un peón e decoralo; consultar no web www. baldufa.com; exposición de peóns decorados; axudar a que se aprenda a bailar; realización de cartaces; leitura do manifesto do peón e exhibición de habilidades co peón. Para as diversas actividades, procurarán unha xuntanza no patio do colexio.

CEIP SANTA MARÍA (As Pontes). Participarán arredor de 153 alumnas/os (todo o centro), que sairán ao patio por cursos para bailar os seus peóns. Tamén praticarán outros xogos tradicionais, tais como os zancos,a mariola, o pano, carreira cunha culler na boca levando unha castaña nela... Para todo iso empregarán toda a mañá lectiva desde as 9 até as 14 horas, pois as 2 primeiras horas farán na clase unha unidade adicada ao magosto.

CEIP SIGÜEIRO (Oroso). Este ano realizarán a actividade do día do peón desde a ANPA A nosa Escola, vaise enviar a convocatoria a todas/os as/os nenas/os do Centro educativo para celebrar ese día na praza do Concello fóra do horario escolar. En principio están convidadas todas as familias (maiores, pequenos e moito máis pequenos) do Centro (son 530 nenas e nenos).

CEIP TORRENTE BALLESTER (Cambre). Participarán 198 alumnas/os, 15 profes e todas as persoas maiores que se cheguen ao cole. Teñen programada unha tarde de xogos con todas/os as nais e os pais que queiran ir participar con eles. Antes do día farán un concurso de narracións, contos.... no que os peóns han ser os protagonistas. Tamén farán unha pequena exposición e leitura dos gañadores na biblioteca do cole.

CEIP VALLE INCLÁN (Oleiros). Teñen previsto facer unha tirada colectiva (300 alumnas e alumnos), así como a leitura do manifesto. Asemade, no Magosto do día 14 farán actividades con Peóns en colaboración coa ANPA.

CEIP VITE I (Santiago de Compostela). Participarán na convocatoria con actividades que se desenvolverán ao longo de 3 semanas. Nas clases de manualidades vanse facer distintos traballos coa temática dos trompos (decoración de peóns, debuxos sobre unha plantilla cun gran peón para os máis pequeniños e debuxos "dando vida" de xeito inxenioso aos peóns de xeito que se convirtan en personaxes animados, con disfraces, etc.). Con todo este material farase un mural e unha exposición. Nas clases de Ed. Física iranse facendo todas as outras propostas que aparecen na convocatoria con pintado de zonas para o xogo do peón, visionado de vídeos e práctica de habilidades e xogos nas clases e tempos de lecer. O martes, 11 de novembro darase leitura ao manifesto e despois contarán coa presenza de avós, pais/nais e antigos alumnos/as para facer unha exhibición e a continuación todos/as a xogar. Será no pavillón do colexio ás 13 horas. O número aproximado de participantes vai ser de 151 alumnas/os e algúns profesores/as e algúns pais, avós e ex-alumnos (unhas 15 persoas máis).

CEIP XULIO CAMBA (Vilanova de Arousa). Participarán 419 alumnas/os máis as/os profesoras/es, decorando os peóns e realizando distintos xogos.

CENTRO SOCIAL DE CONXO (Santiago de Compostela). Na semana previa ao San Martiño elaborarán un peón xigante con papel e cola, decorándoo con témperas, no que escribirán: "no san Martiño de Conxo bailou ata o peon mais coxo". O 11 de novembro xogarán cos peóns e farán tamén bailaricos con anacos de carozo e garabullos. Participarán sobre 10 rapaces e rapazas.

COLEXIO ABRENTE (Sanxenxo). Un ano máis -e ao igual que nos últimos 15 anos- este colexio, xunto aos demáis colexios do concello de Sanxenxo celebrarán esta data cun concurso e actividades varias que inundarán de trompos os patios dos centros. Cada ano encárgase da organización un centro, neste ano o CEIP Portonovo.
Previamente nos centros celébrase a competición interna da que sairán os finalistas que participarán na proba intercentros. Calculan que uns 1000 rapazas/ces participarán nesta competición, chegando á final 48. Dicer que hai dúas modalidades: Malabarismos e A Escachar. Pódense ver fotos no seu web

COLEXIO DIVINA PASTORA (Ourense). Entregaron circulares a 1º, 2º e 4º de ESO para ir á Praza Maior o martes, 11 (feriado na cidade), onde participarán dos obradoiros e da Mostra da Oralidade.

COLEXIO MARÍA ASSUMPTA (Noia). Van realizar distintas actividades ao longo desta semana: Exposición de trompos tuneados (tromping); visualización dos videos; decoración de aulas e corredores con motivos do xogo. Ademáis, o día 11 o trompo será o protagonista partir das 12 h no patio do colexio previa leitura do manifesto. As/Os rapazas/ces de 5º de primaria baixarán a participar no acto central que terá lugar na praza do Tapal da vila. Tén prevista a participación de 250 alumnas/os cos seus respectivos trompos.

CONCELLO DE NOIA. A concellaría de Cultura e Deportes, xunto á Asociación Enredos e á propia Brinquedia serán as encargadas de organizar o Acto Central deste ano. Estará presentado polo artista noiés Serafin Marcos que irá dando a benvida aos colexios, asociacións, entidades... A medida que vaian chegando, entregarase-lles un auto-colante e un trompo a cada persoa. Haberá unhas mesas con ceras gordas e rotuladores para aqueles que queiran pintar o trompo. Mentres dure o acto o escultor Emilio Mariño irá facendo trompos do mesmo xeito que os facía o seu avó (o nicheiro) no mesmo torno hai moitos anos. Ás 12 darán paso á palabra coa leitura do manifesto por parte de Ezequiel Mosquera para rematar co lanzamento colectivo, ficando inaugurada a temporada do peón até que san Antón os meta nun caixón, san Amaro no faiado ou santa Olalla os ginde á borralla.

CPI ANTONIO ORZA COUTO (Boqueixón). O centro mercará unha cantidade decente de peóns, pedirán ás/aos nenas/os que os traian (propios) e farán, por titorías, a actividade de pintalos...
Por titorías todos os cursos do centro realizarán un cartaz alusivo a un xogo tradicional, que nese día colgarán por zonas de xeito que o patio será un grande circuito no que xogar aos xogos de sempre. A titoría de 4º está realizando (ao igual ca o ano pasado en 6º curso) zancos de refugallo para xogar as/os nenas/os de infantil. As/Os de secundaria tamén participan. As/Os máis cativas/os farán as ranciñás e bailarocos para xogar en EI e 1º Ciclo de EP, ao tempo que personalizarán cadansúa chapa. En total participarán perto de 300 nenas/os e case toda a plantilla de mestras/es e persoal do centro.

CPI ARMANDO COTARELO VALLEDOR (Boimorto). Participarán arredor de 270 persoas (31 nena/os de Infantil, 64 nenas/os Primaria, 145 alumna/os de E.S.O e 30 mestras/es. O día 11 de novembro decorarán os peóns, lerán o Manifesto do día e realizarán un circuito de xogos co peón de diversas dificultades.

CPI CAMIÑO DE SANTIAGO (O Pino). O día 11 de novembro participarán 43 profesoras/es e 350 alumnas/os de Infantil, Primaria e Secundaria. Lerán o Manifesto, decorarán peóns, farán cartaces e convidarán ás persoas maiores a compartillar a actividade, rematando coa celebración dun Magosto.

CPI de XANCEDA (Mesía). Participarán -ao igual que os anos anteriores- Infantil e Primaria, onde están convocadas/os arredor de 140 nenos e nenas. No recreo bailarán os peóns, pois xa estiveron practicando días atrás. Tamén farán un concurso para o mellor decorado e para o que mellor o baile.

CPI JOSÉ GARCÍA GARCÍA (Ourense). Un ano máis participan da iniciativa.

CPI PONTE CARREIRA (Frades). Tén previsto realizar as seguintes actividades: Exposición de peóns personalizados, elaboración dun trompo xigante, realización de traballos artísticos relacionados cos peóns, ademáis de celebrar concurso de danzaricos o día 11 de novembro. Participarán 19 alumn@s de infantil, 69 de primaria e 75 de ESO.

CPI SAN VICENTE (A Baña). Participarán 220 alumnas/os e 40 profes, o día 11 de novembro.

CPR A ASUNCIÓN (Sarria). Participarán arredor de 300 alumnas/os .As actividades desenvolvidas serán: Ambientación de corredores, leitura do manifesto, habilidades co peón nas clases de Ed.Física, concentración na Praza da Vila de Sarria xunto con pais, nais, avós e avoas que queiran participar. Tamén agasallarán un peón por titoría, ao tempo que adquirirán este material para a súa utilización na área de Ed.Física.

CPR LUDY (Ferrol). Despois de que as/os nenas/os xoguen no colexio, sairán á praza do Inferniño coas/cos rapazas/ces de 3º,4º,5º e 6º para xogar cos seus avós e as súas avoas, ademáis da xente que pase por alí e queira pasar un anaco coas/cos alumnas/os.

EEI GÁNDARA (A Guarda). Participarán na convocatoria con 12 nenas/os. Irá un adulto a ensinarlles a bailar o pión e, despois de mirar imaxes en internet de distintos xeitos de adornar un pión, cada nena/o decorará o seu.

IES de MELIDE (Melide). Participarán na campaña coas seguintes actividades: ensino/aprendizaxe do xogo durante os días previos e posteriores; práctica de xogos tradicionais nos días previos e posteriores e un acto público na Praza do Convento con arredor de 200 alumnas/os, con leitura do Manifesto, práctica do xogo e presenza dos medios de comunicación.

IES de VIÓS (Abegondo). Celebrarán os cursos de 1º e 2º de ESO. Comezarán ás 12 da mañá coa leitura do manifesto. A continuación, dous alumnos de 2º explicarán aos seus compañeiros un traballo-exposición que 2º nivel preparou na semana anterior, formado por varios cartaces con datos, curiosidades, variantes de peóns en distintos países, nomes do peón na Península, variantes de xogo, léxico propio do peón, historia,etc.recollidos en diversas fontes (www.baldufa.com; www.peonzas.org, Chirlosmirlos, Xogos populares de Galicia...). Logo da explicación, catro alumnos de 2º farán unha demostración das súas habilidades coa buxaina e, finalmente, irán todas/os ao polideportivo para practicar (a maior parte, aprender) o xogo.

IES MARÍA DE SARMIENTO (Viveiro). Van facer unha concentración de alumnas/os e profesoras/es para bailar os peóns; na que contan xuntarse aproximadamente 40 persoas. Tamén teñen publicado un traballo no seu xornal escolar O PROVISIONAL.

IES RAFAEL DIESTE (A Coruña). Tamén farán leitura do manifesto ás 12 do mediodía, ao tempo que farán bailar o peón entre o maior número de alumnas/os posíbel.

IES TERRA DE TURONIO (Gondomar). Tamén se aderiron á campaña neste centro, no que ensinan e practican habitualmente distintos xogos tradicionais.

MOSTRA DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS (Ourense). Ao longo de toda a mostra -que se desenvolverá na praza Maior desta cidade entre o 8 e o 11 de novembro- haberá espazo para os xogos e os xoguetes tradicionais, con distintas prácticas lúdicas e elaboración de brinquedos. Todo isto estará arroupado por distintas demostracións artesanais e orais da nosa cultura. Ademáis, o día 11, convidarase a participar do acto do peón ao Fogar do Maior de Ourense e ás distintas asociacións de inmigrantes nesta cidade.


COMENTARIOS
COMENTAR ESTA NOVA

nome:
correio: (opcional)
smile: smile wink wassat tongue laughing sad angry crying 
Altega,S.L. some rights reserved 2004-2006 | legal | creditos | privacidade | Deseñado para Get Firefox! por O Clube