Chega unha nova edición do Día das Letras, adicado este ano ao intelectual e político Ramón Piñeiro, e co día chega tamén unha grande cantidade de actos ao longo do país para celebrar a festa da nosa língua. Entre os numerosísimos actos previstos por toda a xeografía, podemos salientar a Romaria etnografica Raigame, en Vilanova dos Infantes (Celanova), onde os xogos tradicionais teñen o seu propio espazo, a Festa das Letras d’O Couto (Ponteceso), que ten programada unha interesante exposición de xoguetes de Ricardo Pérez Verdes, ou a manifestación convocada en Compostela pola Mesa pola normalización lingüística baixo o lema O galego, a nosa columna vertebral. A lingua que nos une!. Para ir quecendo motores, eleximos este video da canción Ponte ao noso lado, interpretada por Guadi Galego e Vozes da rádio, que amosa unha das maiores potencialidades da nosa língua: a cercanía con case 300 millóns de lusófonos no mundo.
Como ven sendo habitual nos anos anteriores, durante o mes de abril nenas e nenos de varios colexios da comarca da Barbanza compartillaron unhas xornadas de educación e lecer arredor dos xogos tradicionais.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Delegação Regional de Cultura do Norte de Portugal (DRCN) e a Direcção Regional de Educação do Norte convocan o III Certame de recolla da tradición oral galego-portuguesa.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 27 de febreiro a orde que ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras de concesión de subvencións e a súa convocatoria pública dirixidas a clubes deportivos e entidades deportivas sen ánimo de lucro para a participación en competicións oficiais ou o desenvolvemento de actividades deportivas, realizadas ou que se vaian realizar no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2009. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de marzo.
Informan-nos os compañeiros da Órrea que podemos seguir a Liga Federada Zona Norte de Bolos, que xa está na súa IV xornada. Podemos ver os resultados e clasificacións na segunite ligazon.
A Asociación Cultural La Tanguilla, de Aranda de Duero presenta un ano máis a exposición "Un año de juegos", unha completa mostra de xogos e xoguetes tradicionais utilizados por nenas/os e adultos, que vai permanecer aberta ás visitas desde o vindeiro 12 de marzo até o 4 de abril. Os centros escolares van poder gozar do programa gratuito de visitas guiadas, que deberán solicitar chamando aos teléfonos 947510412 ou 947511275.
Vindeiro domingo 8 de febreiro ás 10.15 h., terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (Santiago de Compostela) unha xornada organizada pola Dirección Xeral para o Deporte que, baixo o título Presentación do Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Populares e Tradicionais pretende ser un espazo de encontro entre os axentes sociais implicados na recuperación e promoción do patrimonio lúdico-deportivo galego e a propia administración
O venres 16 de xaneiro terá lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) a primeira reunión preparatoria do IV Encontro escolar que neste ano está previsto –en principio- para o 30 de maio. Ás 18 h. están convocados a esta xuntanza todos os centros de ensino que estén traballando ou teñan interese en facelo distintas prácticas do patrimonio lúdico galego.
Correos ven de sacar nos últimos meses unha nova publicación dentro do seu apartado de Álbumes e publicacións de Filatelia. Trátase dunha edición moi coidada de 160 páxinas que comprende 16 selos temáticos e máis de 200 fotografías e ilustracións, adicada aos xogos e deportes tradicionais do Estado. Galiza está representada nesta colección polo xogo da Chave, dentro dos xogos de puntería.
O Frontón Beti Jai atópase en Madrid, na rúa Marqués de Riscal, do distrito de Chamberí, nunha zona de alto valor arquitectónico, rodeado de edificios singulares de finais do século XlX e comezos do XX, en confluencia co eixo da Castellana. O frontón cerrou as súas portas no ano 1919 e desde entón foi empregado como comisaría na Guerra Civil, obradoiro… até no 1989 ser vendido á sociedade Frontón Jai-Alai, SL para a súa restauración. Porén, esta sociedade foi absorbida por unha inmobiliaria coa intención de erguer un hotel, malia estar incoado o expediente de BIC e estar restrinxido a uso deportivo. Isto non é abondo para se atopar nun estado de abandono por parte da propiedade, que procura o seu total deterioro para proceder a darlle un uso diferente do que posúe na actualidade, centrado nos intereses inmobiliarios.